12/04/24

Os ferreiros abelleiros xa están incubando

Seguimos observando a progresión dos ferreiros abelleiros (Parus major) na caixa. Finalmente parece que lles gustou e decidiron facer alí o seu niño!

Os ferreiriños estiveron moi atarefados traballando arreo para construír o niño. Primeiro trouxeron musgo, despois colocaron plumas e finalmente engadiron algo parecido a lá ou algodón. Á vista dá a sensación de que moi mol e esponxoso! En novembro cando abramos a caixa poderemos ver que é o que usaron exactamente.

Uns días antes de rematar a construción do niño os ferreiros decidiron quedar a pasar a noite. Aínda non sabemos se queda sempre o mesmo ou se van facendo quendas. Mirade como se fai unha boliña antes de adormecer.

E por fin chegaron os ovos!! O mércores, 10 de abril, apareceron dous oviños, e desde entón os paxariños comezaron o período de incubación.



Ás veces podemos ver os ovos e outras parecen que non están, mais están sempre alí. O que acontece é que ás veces os ferreiros abelleiros agochan os ovos entre os musgo e as plumas do niño, para que estean sempre quentiños, mesmo cando eles teñen que saír do niño. Que listos, non si?.

Finalmente, o luns, 15 de abril, chegaron ata sete oviños!! 


Deixámosvos tres vídeos: un no que podedes ver a un dos ferreiro saíndo do niño, outro no que se ve a un ferreiro entrando e un terceiro no que un ferreiro alimenta ao outro mentres este está incubando. Aínda non conseguimos ver un momento no que fagan un cambio de quenda na incubación. Se cadra non o fan dentro da caixa, mais seguiremos observando a ver o que pasa.



O período de incubación durará uns 17 días. Seguiremos informando!!

05/04/24

Club de lectura de persoas adultas da comunidade educativa do IESP de Ames

 O 14 de marzo tivo lugar a primeira reunión do Club de lectura de persoas adultas da comunidade educativa, un club formado por membros do equipo docente, integrantes do equipo non docente, familias e quen queira unirse para compartir a paixón pola leitura entre amigos e amigas.

Na xuntanza foi comentada a obra Hotel Carioca, da man do autor seu autor, Antón Riveiro Coello, quen compartiu co grupo o seu proceso creativo en xeral e o desta obra en particular. 

Hotel Carioca naceu na pandemia, aínda que se remonta a unha historia anterior xa que, como moita da súa obra, pero neste caso nun xeito máis directo, se inspira na propia biografía do autor e da súa familia extensa. 

O autor considera que esta novela diverxe en certa medida do estilo da súa obra anterior, con todo, amosa trazos inconfundibles como a musicalidade da prosa, o interese polo tratamento dos personaxes desde a carencia, a forza das mulleres, ou a conservación case arqueolóxica da riqueza léxica galega e limiana.

Os lectoras e lectoras intercambiaron impresións sobre o libro co autor e compartiron experiencias propias semellantes as narradas na novela. A charla e o debate tocaron como os diferentes estilos comprendidos no libro, a memoria democrática, a emigración, a mudanza na percepción dos roles de xénero, da sexualidade ou do racismo ao longo do tempo, a creatividade, o poder curativo da ficción, os lugares da felicidade perdida, os límites entre a prosa e a poesía, o papel das editoriais, as adaptacions da literatura ao cine, e o impacto da intelixencia artificial na produción artística e na sociedade en xeral. 

Moitas grazas a Antón Riveiro Coello por adicarnos tempo xenerosa e demoradamente, e agardamos poder reunirnos con el nun futuro próximo para comentar a súa nova obra...se cadra, sobre intelixencia artificial.

Moitas grazas ás persoas integrantes deste incipiente club de lectura que agardamos que bote fondas raíces. Vémonos o 25 de abril, para falar de poesía e comentar a obra Materia, de Yolanda Castaño, cun mestre de cerimonias excepcional, o noso compañeiro e poeta, Carlos Negro.

27/03/24

Observando en directo o proceso de cría das aves

O día 15 de marzo os alumnos e alumnas de FP Dual, 3º de ESO e 1º de ESO, das materias de Informática, Matemáticas e Xeografía e Historia respectivamente, instalaron unha caixa-niño con cámara wifi, alimentada por un panel solar, para poder facer o seguimento do proceso de cría das aves do eido do IESP de Ames. 

Deixámosvos un vídeo elaborado polo profesor Gonzalo Berdeal no que podedes observar diferentes visitas feitas por unha parella de ferreirriños abelleiros (Parus major) desde o día no que foi instalada a cámara ata o día 27 de marzo. Esperamos que vos guste!!


Agora queda agardar e ver se a parella de ferreiriños se decide a criar na casiña que puxemos, mais ata chegar aquí houbo un longo proceso de investigación e experimentación desenvolvido de xeito cooperativo polo alumnado involucrado no proxecto Patio con(vida) ao londo de varios anos. 

A catalogación feita en cursos anteriores das aves do eido do instituto permitiunos saber cales son as especies que consideran o eido a súa casa e tamén diferenciar os lugares que máis lle gustan. 

A caixa-niño que instalamos é axeitada para aves de orde paseriforme e en concreto da familia dos páridos, polo que seleccionamos as zonas máis boscosas do eido, onde xa observaramos aves desta familia, como lugar potencial para a colocación da caixa-niño.

No curso 2020-2021 colocamos unha serie de caixas-niño coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) e  esas caixas guiáronnos para atopar o lugar idóneo para situar a nova caixa. Descolgamos a caixa-niño situada no carballo máis antigo e grande da fraga do NW do eido e comprobamos que fora utilizada a primavera pasada, pois había un niño dentro e mesmo aínda quedaban restos de ovo. 

Escollemos ese lugar para colocar a nova caixa e retiramos a caixa antiga e as outras caixas-niño que había na zona, así como os comedoiros, pois os páridos son aves moi territoriais e non lles gusta ter outras aves da mesma especie ao seu arredor cando están a criar.

O niño estaba formado por musgo e unhas fibras semellantes a lá. Podedes observar os restos do ovo na esquina dereita. 

Á vez que fomos buscando o lugar ideal para colocar a caixa-niño, o grupo de FP Dual, guiado polo profesor Gonzalo Berdeal, valorou diferentes opcións de cámaras e tipos de conexión, e as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas tendo en conta tanto as necesidades técnicas como as medioambientais.

Unha conexión por cable permitiría realizar unha emisión constante en tempo real, mais limitaría o lugar onde a cámara podía ser colocada e, deste modo, as posibilidades de que fose usada por algunha parella de páridos. A conexión por wifi parecía a máis axeitada, mais tiñamos o problema da alimentación. Finalmente a decisión tomada consistiu en usar unha conexión wifi e un panel solar para cargar a batería.

A caixa-niño debe estar orientada cara ao N (como é este caso) ou cara ao SL, ao abeiro dos ventos e chuvias dominantes.


Podedes ver á dereita do tronco a caixa-niño orientada cara ao Norte e nas pólas da esquerda o panel solar orientado cara ao Sur para aproveitar a maior cantidade de luz solar posible.


A colocación da caixa e, sobre todo, do panel solar tivo a súa complexidade, mais en equipo conseguimos instalala.

Agora estamos agardando impacientes para ver se a parella de ferreiriños se deciden a facer aquí o seu niño. Polo de agora deixámosvos algúns datos de interese:

Esta ave reprodúcese entre abril e xuño. O macho adoita explorar as opcións e a femia elixe o lugar que lle parece máis axeitado. A partir de que se seleccione o lugar, a femia realiza o niño con musgo, pelos, lá, raíces e plumas. Cando o niño está listo a femia pon entre seis e oito ovos, que son incubados tanto polo macho como pola femia por volta de 17 días. Cando nacen os poliños, estes son alimentados e coidados polo macho e pola femia durante aproximadamente 20 días, e a partir dese momento as crías xa están listas para abandonar o niño. Que rápido, non si? A ver se conseguimos ver todo o proceso a través da cámara!!

Agradecemos o axuda de todas as persoas que nos apoiaron e se ilusionaron con este proxecto, así como da SEO. Moitas grazas!

15/03/24

Día da poesía 2024

 O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Este día foi declarado pola UNESCO en 1999 "co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e aumentar as oportunidades para que as linguas en perigo sexan escoitadas".

No Día Internacional da Poesía promóvese a lectura, escritura, publicación e ensino da poesía arredor do mundo para dinamizar os movementos poéticos rexionais, nacionais e internacionais.

Foto tomada de Alexander Garcia (2018). El Periódico.

E para celebrar este día, Paco, do equipo de limpeza do centro, escribiu este poema para vós. Podedes lelo tamén na cafetería e no taboleiro de cortiza á entrada da biblioteca. Moitas grazas, Paco!

Hai poesía na tenrura.
nos risos da boca amada,
Hai poesía na mirada,
nas mans da luz que desatan a altura.

Hai poesía na vida que procura,
a pureza na flor, non a espada.
Hai poesía na brisa que deitada,
acariña co seu tacto a dozura.

Hai poesía no aseo dos valores.
Hai poesía na roupa das cores,
nas limpas aves de enderezo alegre.

Hai poesía no patio da liberdade,
hai poesía no obradoiro da bondade,
no tempo que amizade e amor integre.

Deixámosvos tamén uns poemas musicados. Mandade os que coñezades e engadirémolos á listaxe:


Laura Lamontagne e Pico Amperio: Abelaneiras frolidas

Magín e Uxía: Canta o cuco, de Manuel María

Manu Clavijo: En Leonberg, de Lois Pereiro

Cristina Pato e Rosa Cedrón: Unha noite na eira do trigo

Xoel Pérez: Quen puidera namorala, de Álvaro Cunqueiro

Maite Dono: O cartafol do vento, de Manuel Antonio

Pedro Barroso: Cercaram-me as ondas, de Mendiño

Astarot: Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro

Xardín desordenado: Querida mamá, estou aprendendo a ladrar, de Olga Novo

Luar na Lubre: Chove en Santiago, de Federico García Lorca


Os amigos dos músicos: Osaka, adaptación de A orquesta filarmónica de Osaka, de Carvalho Calero

Mallou: Os bos amores, de Rosalía de Castro

 
Sabela: Negro caravel, de Rosalía de Castro

Amancio Prada: Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro


Carlos Núñez e Luz Casal: Negra sombra


Abe Rábade e Guadi Galego: A xustiza pola man, de Rosalía de Castro


Narf e Uxía: Bos amores, de Rosalía de Castro


Nayla Shami: Camiño branco (versión de Dende aquí vexo un camiño), de Rosalía de castro

Evoeh: Ora, meu neniño, ora, de Rosalía de Castro


Dioivo: Sempre pola morte esperas, de Rosalía de Castro

Let's swing! 2024

Un curso máis, como parte do tema O período de entreguerras da materia de Xeografía e Historia, celebramos a música jazz e o baile Lindy Hop que naceu na comunidade de escravos afroamericanos en Estados Unidos.

O alumnado de 4º de ESO investigou sobre a vestimenta, os accesorios, os costumes, a música e o baile na época que vai entre os felices anos 20 e os anos 40 e realizaron as súas propias caracterizacións. Na imaxe podemos ver a Marta, Sabela, Sara e Zaida de 4º ESO A caracterizadas e desfrutando dunha divertida conversa nun speak easy. Podedes ver a coreografía que creou o grupo nesta ligazón.


O 14 de marzo puxemos o ramo á actividade cun obradoiro de Lindy Hop. Un ano máis o profesor de baile Carlos Tomico, da Academia Alfaia, transportou á rapazada ao período de entreguerras e ao espíritu da música e o baile da época.

05/03/24

Día internacional da muller 2024

 O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, orixinalmente denominado Día Internacional da Muller Traballadora. Nesta data conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e o seu desenvolvemento íntegro en igualdade co home, e reivindícase esa igualdade, pois aínda non foi conseguida. 

O Día Internacional da Muller foi institucionalizado pola ONU en 1977, mais foi creada moito antes, no 1910 pola II Internacional Socialista de Traballadores e Traballadoras, seguindo a proposta de Clara Zetkin, Käte Duncker e Paula Thiede entre outras persoas.

Estes carteis para conmemorar o Día Internacional da Muller foron realizados pola alumna Marta e o alumno Xosé, da materia de Intelixencia artificial. Moitas grazas e parabéns polo traballo.


No noso eido temos flores relacionadas co Día internacional da muller. 

No NL do noso eido podes ver que xa florearon os camelios e un deles ten flores brancas. Sabías que a camelia branca é un símbolo do movemento sufraxista en defensa do dereito da muller ao voto e a súa independencia xurídica e económica? Kate Sheppard, sufraxista de Nova Zelandia, o primeiro país do mundo que obtivo o voto feminino en 1893, foi a que creou o símbolo ao dar unha camelia branca ás persoas que apoiaban a súa causa.

Como todos os anos por esta época florean as primeiras violetas (Violeta riviniana) no eido do noso instituto tinguindo sobre todo a zona oeste de cor violeta.


A seguir podes ver diferentes vídeos e cancións centradas na muller. No vídeo Las que faltaban, das integrantes de Mafalda, grabado durante a xira de Malfalda La última vez que te escucho reflexiónase sobre o motivo da falta de mulleres nos palcos e en traballos relacionados cos palcos e o espectáculo. Trátase dun relato colectivo do que é ser muller no ámbito musicial.


Propoñémosche o reto de recoñecer o maior número posible das mulleres que saen no vídeo da canción La otra mitad, de Pilu Verver.


As fillas de Casandra grabaron o disco Acrópole centrado nas mulleres. 






21/02/24

Día de Rosalía 2024

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do nacemento da autora. Un ano máis, no centro aproveitamos para homenaxear a Rosalía e gozar da súa obra.

Desde o Departamento de Dinaminzación Lingüística o alumnado do centro participou nun acto en homenaxe a Rosalía de Castro organizado polo Concello de Ames e celebrado na Casa de Cultura. Un grupo de alumnos e alumnas tomaron como palabras clave Diversidade e Plurilingüismo e recitaron uns versos do poema Alborada de Rosalía de Castro en boa parte das linguas que fala o alumnado do instituto: Galego, alemán, armenio, ruso, castelán, catalán,esperanto, éuskaro, galego con acento de Cuba, guaraní, inglés, italiano, portugués do Brasil, portugués de Portugal, twi, galego con acento de Venezuela. Premendo aquí e aquí podedes ver o ben que o fixeron. Moitos parabéns!


¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Podedes coñecer máis sobre Rosalía de Castro vendo o filme Contou Rosalía, dirixido por Zaza Ceballos e estreado en 2018, que trata sobre a vida da poeta en Madrid. Premede aquí para ver o tráiler da película.

Para saber máis sobre a celebración do Día de Rosalía podes consultar o sitio web da Casa Museo de Rosalía de Castro premendo aquí. Este sitio web vén de incorporar, unha visita virtual á casa de Rosalía, que podedes ver premendo aquí

Se o que vos apetece é unha andaina, podedes facer a ruta cultural As pegadas de Rosalía. Esta ruta ten como obxectivo achegar a vida de Rosalía a toda a poboación.

Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. 

Se queres saber máis sobre esta ruta podes ir ao sitio web oficial da ruta e tamén premer aquíaquí aquí.



Deixámosvos unha ligazón a un tráiler da curtametraxa A rosa incandescente, de Anxos García, que se estreou en febreiro de 2022:


E de lectura de poesía a poesía musicada, propoñémosvos unha escolma de versións musicadas de poemas de Rosalía de Castro na que hai unha gran variedade de estilos:

Mallou: Os bos amores

 
Sabela: Negro caravel

Amancio Prada: Adiós ríos, adiós fontes


Carlos Núñez e Luz Casal: Negra sombra


Abe Rábade e Guadi Galego: A xustiza pola man


Narf e Uxía: Bos amores


Nayla Shami: Camiño branco (versión de Dende aquí vexo un camiño)

Evoeh: Ora, meu neniño, ora


Dioivo: Sempre pola morte esperas

20/02/24

Día internacional da muller e a nena na ciencia

 O 11 de febreiro celébrase o  Día internacional da muller e a nena na ciencia, pestablecido pola ONU en 2015, que promove a igualdade na ciencia, é dicir, o aproveitamento do talento de toda a poboación. Isto é de vital importancia nunha época na que a Ciencia e a Tecnoloxía son decisivas para atopar solucións a moitos dos retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira.

No noso instituto, diferentes alumnas do Club de Ciencias, levaron a cabo tres xornadas de Tertulias científicas nos recreos. Nesas tertulias Elba, Elena, Elisa, Elvia, Lena e Sabela, representaron ás científicas: Marie Curie, Hedy Lamarr, Jill Tarter, Zhenyi-Wang, Jane Goodal e May-Britt Moser.


As tertulias científicas tiveron un gran exito de público, coa biblioteca completamente ateigada. Moitos parabéns ás alumnas polo excelente traballo! A seguir deixámosvos unhas imaxes e vídeos por se non puidestes achegarvos nos recreos.


O luns 19 de febreiro, Lena López (3º D) e Elvia Pérez (2º G)  deron vida a Marie Curie e Hedy Lamarr.


O mércores, 21 de febreiro, Elena Tedín e Sabela Otero (ambas de 4º D) trouxéronnos a Jill Tarter e Zhenyi-Wang. Premede aquí para ver o vídeo.


O venres, 23 de febreiro, Elisa Méndez e Elba Casal (ambas de 3º A) convertéronse en Jane Goodal e May-Britt Moser. Para ver o vídeo premede aquí e aquí.

Podedes consultar diferentes iniciativas relacionadas con esta data no blog de Bibliotecas escolares de Galicia premendo na imaxe.


Para conmemorar esta data a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza diferentes actividades das que podedes informarvos nesta ligazón e organiza tamén unha masterclass sobre física de partículas dirixida a alumnas de 1º de bacharelato.


A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña disponibiliza un audiovisual para alumnado de educación secundaria no que participaron investigadoras desa universidade. As investigadoras  dan coñecer dun xeito sinxelo e próximo a súa traxectoria científica e vital e relatan os seus logros profesionais, así como anécdotas co obxecto de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica.

Ata o 31 de marzo de 2024 podedes participar visualizando os audiovisuais, gravándovos facendo unha pregunta sobre o documental e enviándoo para a través desta ligazón.

Entre quen participe realizarase un sorteo para visitar algún dos centros do Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña. Animádevos a participar.

Hai moitas iniciativas levadas a cabo por mulleres científicas que poden ser do voso interese, como a canle de Youtube Deborahciencia ou a sección en Twich Balea Vermella.

14/02/24

Patrimonio no faiado IV

 Os alumnos e alumnas de 1º ESO e 4º ESO investigar sobre obxectos que teñen un valor sentimental para a súa familia e documentaron un valioso patrimonio histórico. Nalgúns casos os alumnos e alumnas aumentaron a súa comprensión  sobre obxectos que xa coñecían e noutros descubriron por primeira vez a orixe e o valor de elementos que ignoraban que existían ou que levan vendo a diario sen percatarse do moito que dicían sobre a historia da familia e como se integraban na historia global.

Esta actividade foi realizado ao abeiro do programa Educación patrimonial, do Plan Proxecta, e tamén do PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos. O traballo tamén se realizou no marco do programa Polos creativos.

Deixámosvos unha mostra do patrimonio recuperado e invitámosvos a visitar o Museo virtual KaleidoScapes para coñecer o resto da investigación. Moitos parabéns polo traballo!



Este letreiro era da barbería do meu avó. O establecimento abriu en 1917 en Noia, unha vila costeira galega.

Manuel Seijas non tivo unha infancia doada. Os seus pais morreron moi cedo e tivo que criarse cun cura. Aos 25 anos decidiu abrir o seu propio negocio, para poder gañar algúns cartos e manter a súa nova familia, porque ese ano casou. O cura co que se criara ofreceulle unha profesión así como contactos que axudaran a que o seu negocio tivese éxito. O meu avó estivo ao mando do negocio durante case 70 anos, despois dos que o seu fillo continuou co negocio familiar durante outros cinco anos.

Cando pechou a barbería, a neta de Manuel (a miña nai) herdou o sinal para manter a memoria histórica familiar e lembrar que para acadar os teus soños o traballo duro é máis importante que o diñeiro.

Xoan Seijas, 4º ESO A.

Esta maquina de escribir, foi mercada no ano 1910 polo meu tataravó, Jose María López Blanco, nunha das suas estancias en Cuba. 

A máquina foi feita en Estados Unidos e por tanto non ten a letra "Ñ". Viña na súa maleta orixinal de coiro, pero a día de hoxe non se conserva xa que estaba moi estragada. 

Álvaro López, 1º ESO A.


Este obxecto é unha cámara Kodak feita en Alemaña. Nunca coñecín o meu avó paterno pois faleceu cando eu nacín, mais o meu pai díxome que o meu avó adoitaba usar esta cámara e por iso el decidiu quedar con ela cando o meu avó faleceu.

Irene Otero, 4º ESO B


Este libro pertenceu ao meu bisavó Vicente. Segundo conta meu pai, o meu bisavó foi un importante médico que traballaba nas concas mineiras do Nalón, en Asturias, recoñecido en todo o territorio por ser un excelente médico e dos poucos que traballaban alí.

Estou segura de que este libro e moitos outros sobre medicina axudáronlle a alargar os seus coñecementos e converterse no prestixioso médico que foi naquela época.

É un libro que se conserva en moi boas condicións malia os seus case 100 anos. É da editorial Labor, S.A., especilizada en libros científicos e técnicos, fundada en 1915 e que desapareceu en 1996.

Ollando este libro descubrín que entre as súas páxinas hai manuscritos e anotacións do meu bisavó sobre os seus pacientes.

Sara Canseco, 4º ESO A

02/02/24

Feliz día da Candeloria!

O 14 de febreiro celébrase o coñecido día de San Valentín, mais na tradición galega, o día da celebración do amor e a vida é hoxe, o 2 de febreiro, coa festa da Candeloria.

Na candeloria realízase a festa das candeas, que aínda se conserva nalgunhas zonas de Galicia, e recordan as persoas máis vellas de Ames. Esta festa celebra que o inverno chegou á metade, que empezan a medrar os días e que a natureza comeza a espertar de novo a vida despois do descanso invernío. 

O espertar da vida na natureza vese en que comezan a abrir os gromos, a florear algunhas plantas ou emparellárense os paxaros preparándose para a época de cría. Reparastes nalgún destes cambios na vosa contorna?




Hai moitos refráns populares relacionados con este día que seguro que coñecedes como o de Se a candeloria chora, medio inverno vai fóra. Que chore ou que deixe de chorar medio inverno está por pasar, ou A partir da candeloria ningunha ave voa soa e, por último, Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola. Coñeces ti algún outro? Pregunta na casa, a ver que che contan!

Deixámosvos un vídeo da Ukestra do medio cantando a este día entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primaver. Esperamos que vos guste!


E tamén vos animamos a ler esta pequena historia sobre a Candeloria traducida do libro Every day nature, escrito por Andy Beer no 2020: 

É outra excusa para encender a candea. Sei que deberíamos apreciar cada momento, mais eu non podo resistir a tentación de facer a conta atrás dos días durante febreiro, e hoxe marca o tradicional punto medio entre o día máis curto e o equinoccio de primavera.

Moito antes de que se adoptase a Candeloria, o 2 de febreiro era visto como un dos días máis significativos do ano. É unha lembranza de que moitos dos nosos rituais anuais seguen o ciclo das estacións.

Eu marco o día plantando algunhas campaíñas de inverno, dividindo algunhas matas en dúas e agardando polo dobre de flores o vindeiro ano, e ocasionalmente mercando unhas pouquiñas novas para engadir á mestura (...).

Andy Beer (2020): Every Day Nature. National Trust. London. P.30.